-
EXPOSICIÓN: 25 ANOS MIRANDO AO CEO
O 19 de decembro de 1997 o clube Vega comenza a súa andadura. Para celebrar os nosos 25 anos queremos compartir con vos a nosa afeción a través dunha mostra de astrofotografías, saídas todas elas dos telescopios, obxectivos e cámaras dos nosos socios.
PODES VISITALA
ENTRE O 1 E O 31 DE OUTUBRO
NO CSC DO ENSANCHE
SANTIAGO DE COMPOSTELA
(ubicación) -
Observación da Lúa en Vista Alegre
O pasado día 14 tivemos ocasión de desfrutar da Noite internacional da Observación da Lúa xunto con todo o público que se achegou ata o parque de Vista Alegre.
A actividade tivo moita aceptación e pasámolo moi ben.
Desde esta páxina queremos agradecer a colaboración dos Amigos do Museo de Historia Natural e tamén a súa asistencia a toda a xente que veu a compartir esas horiñas con nos.
Este é un evento que se celebra todos os anos asi que…ata a próxima!!
-
Luna lunera….
Este sábado 14 de setembro e no marco do DÍA INTERNACIONAL DE OBSERVACIÓN DA LÚA (InOMN) , promovido anualmente pola NASA, o noso clube vai celebrar unha xornada de observación aberta ao público. Será no parque de Vista alegre, é unha actividade donde colabramos coa asociación de amigos do museo de Historia Natural. Tes toda a información na imaxe adxunta. Anímate a desfrutar con nos da Lúa!!
Deixamos AQUI material interesante para a observación.
AQUI o link a páxina oficial da NASA onde está inscrita a nosa actividade.
-
Éxito do “astronomía nova”
“
O pasado día 20 de abril tivemos o gusto de compartir con vos o 1º encontro Astronomía Nova.
A xornada tivo gran aceptación e poidemos desfrutar dunha chea de charlas, cafés, comida e moi bo ambiente.
Desde o clube Vega queremos agradecer a todos a vosa participación e que saibades que rematamos moi inspirados e moi resoltos a que este encontro teña continuidade, asi que agardamo veros outra vez no EGAN 2025!!
-
Encontro ASTRONOMIA NOVA
Moitos de vos lembraredes o noso congreso CMON, que durante varios anos conseguiu xuntar a un bo número de astrónomos e astrónomas afeccionados compartindo coñecemento, experiencias e bo ambiente.
A derradeira edición do CMON foi en 2019, chegou despois a pandemia do Covid-19, que, coma un cometa que se achegara demasiado a Terra, barreu tantas cousas e trouxo unha cola moi longa. Pero por fin se perdeu de vista e neste 2024 surxe o sucesor do CMON, o ENCONTRO GALEGO ASTRONOMÍA NOVA (EGAN) .
Con esta novo encontro, o Clube VEGA quere dar continuación ao vello CMON e reunir, como di o noso lema, a profesionais e afeccionados divulgando astronomía: charlas, exposicións, opinións, experiencias, e por suposto bo rollo, moi bo.
Para presentar o noso primeiro encontro ASTRONOMÏA NOVA, eleximos un lugar moi próximo a Santiago, ben comunicado e tranquilo. O Pazo da Peregrina en Bertamiráns.
Apúntate antes do 8 de abril.
TODA A INFORMACIÓN na web específica do EGAN.
¡¡AGARDÁMOSVOS O 20 DE ABRIL en Bertamiráns!!
-
25 ANOS MIRANDO AO CEO
O 19 de decembro de 1997 o clube Vega comenza a súa andadura.
Para celebrar os nosos 25 anos queremos compartir con vos a nosa afeción a través dunha mostra de astrofotografías, saídas todas elas dos telescopios, obxectivos e cámaras dos nosos socios.
PODES VISITALA
DO 2 AO 16 DE OUTUBRO
NA CASA DA CULTURA DO MILLADOIRO
E DO 16 AO 31 DE OUTUBRO EN BERTAMIRÁNS
-
VOLVEN AS REUNIÓNS PRESENCIAIS!
Por fin, tendo a pandemia controlada e sen restricións para poder xuntarnos en espazos pechados, van sendo horas de volver as nosas reunións mensuais presenciais.
Socios e simpatizantes estades convidados a vindeira reunión do clube o
SÁBADO DÍA 3 DE DECEMBRO as 18.00h
NO CSC DE FONTIÑAS (Santiago)
Vémonos alí!!
-
Actividade astronómica en Fecha
O pasado dia 18 tivemos o placer de compartir unha actividade astronómica con socios da asociación A pedra que fala, de San Xoan de Fecha.
Primeiro tivemos unha breve charla divulgativa, na que falamos de conceptos básicos para comprender que é o que se observa no ceo nocturno ao longo do ano e que son os diferentes obxectos astronómicos. Despois fomos ao punto de observación elexido, no monte da parroquia de San Xoan de Fecha, e gozamos dunha sesión de observación: Venus en fase minguante, Saturno e o seu anel, Xúpiter, cas súas bandas nubosas e os satélites Galileanos… e tamén algunha estrela dobre, cúmulos estelares e pouco máis, pois tivemos Lúa chea e a súa luz dificultaba a observación de obxectos de ceo profundo.
Moito frío, chiculate e boa compañía. Haberá que repetir!!
Con esta actividade damos por concluido este ano 2021 esperando que o ano novo sexa algo máis normal a nivel cotidiano e polo menos tan bo como este en asuntos astronómicos e astronáuticos.
-
Charla divulgativa sobre ocultacións
Nestes días de chegadas varias ao planeta vermello, os do Clube Vega permanecemos na Terra, ainda que sempre mirando cara arriba.
Despois de bastante tempo de inactividade por estas sucesivas ondas da pandemia ímos adaptándonos e voltamos ás nosas reunións, eso si, on line.
O noso compañeiro Ramón ofreceranos unha interesante charla este sábado…vémonos na pantalliña!!
-
Un fermoso espectáculo para rematar un annus horribilis
As estrelas que vemos no ceo permanecen inmóbiles entre si. Por suposto que todas parecen moverse ó xirar a Terra, pero as súas posición relativas permanecen fixas, polo que forman patróns que podemos recoñecer e que chamamos constelacións. Sen embargo, xa os gregos viron que algunhas poucas “estrelas” movíanse “errantes” sobre o fondo de estrelas fixas. A estes corpos os gregos os chamaron “planetas” que significan precisamente “errantes”.
Hoxe en día sabemos que estes planetas son corpos que xiran ó redor do Sol e que, aínda que non emiten luz propia como as estrelas, son suficientemente grandes como para poder percibir dende a Terra a luz que reflicten do Sol (Tamén hai obxectos máis pequenos que non se ven a simple vista como os asteroides ou os planetas ananos).
Unha característica do movemento dos planetas é que se moven aproximadamente nun mesmo plano, chamado plano da eclíptica, polo que visto dende a Terra estarán colocados sempre cerca da lina imaxinaria na que este plano corta a bóveda celeste. É doado, por tanto, que dous planetas se acheguen e se poidan ver moi xuntiños no ceo producíndose o que os astrónomos chamamos unha conxunción,
O vindeiro día 21 de decembro producirase unha conxunción importante entre Xúpiter e Saturno. O que a fai especial é que os dous son planetas moi brillantes e que a distancia aparente estre eles chegará a ser especialmente pequena. Non ocurría unha conxunción con estas características desde o século XVII, en tempos de Galileo.
Ainda que o máximo achegamento será o 21, o espectáculo tamén está servido para os días anteriores.
A dificultade para observar esta conxunción é que só será visible ó solpor moi preto do horizonte, o que fai perder brillo os obxectos implicados, tanto pola maior cantidade de aire que a súa luz ten que atravesar como polo feito de que aínda non será noite pechada. Isto reduce a xanela de observación a, aproximadamente, entre as 18:30 e as 20:00 (hora oficial da península); Aínda menos se no horizonte hai obstáculos.
Despóis do máximo acercamento do día 21, Xúpiter e Saturno comenzarán a separarse de novo, pero nos días seguintes estarán tan preto do Sol (dende a perspectiva da Terra) que xa será moi difícil observalos. Para cando pasen “ó outro lado” do Sol e sexan visible ó amencer, xa estarán moito mais separados.
Se queredes observar o fenómeno, mirade cara o suroeste xusto despois da posta do Sol. Veredes entón dous estrelas moi brillantes que son Xúpiter e Saturno (o mais brillante será Xúpiter). Non fai falta telescopio nin intrumento ningún pero, si tedes uns simples prismáticos, fica os codos nalgún punto de apoio e apunta cara os planetas, pagará a pena, e incluso poderíades ver uns puntiños pequeniños preto de Xúpiter que son os seus satélites principais, chamados “galileanos” precisamente por Galileo Galilei que os descubriu cun rudimentario telescopio.
Como suxestión ós que vivades en Compostela, e se non coñecedes un sitio mellor, podédevos colocar ao solpor na parte superior das escaleiras da alameda que dan ao Campus Sur. Pouco despóis da posta do Sol, mirade un pouco arriba e a esquerda do lugar por onde aínda se aprecie o fulxir do Sol recén posto. Non vos custará localizar, se as nubes volo permiten, dúas estrelas brillantes moi xuntas: eses son Xúpiter (o mais brillante) é Saturno. ¡Non ten perda!, ainda que a sobreiluminación causada por algúns focos que hai nese lugar diminúe a espectacularidade do fenómeno, polo que o ideal, se podedes, é miralo dende fora da cidade, nalgún monte con vistas cara ó suroeste.
Crucémolos dedos para que as nubes den unha tregua e poidamos disfrutar deste fenómeno astronómico pois non se repetirá, en tan boas condicións, ata o ano 2080!!
Referencias:
(Imaxe 1) Federación de Asociaciones Astronómicas de España (FAAE): https://federacionastronomica.es/index.php/actividades-y-eventos/conjuncion-jupiter-saturno
(Imaxe 2) Astronomy Picture of the Day (15/12/2020): https://apod.nasa.gov/apod/ap201215.html
Escrito por: Rubén Díez e Carmen Castro.