Eclipse anular de sol o día 3 de outubro

Versión en PDF

O día 3 de Outubro de 2005 produciráse unha eclipse de Sol que, de seguro, levantará expectación entre os afeccionados e os medios de comunicación. Esta eclipse observaráse como anular dende o noso país. A franxa de anularidade atravesa a península ibérica de Oeste a Leste, entrando por Galicia e saíndo por Valencia e cruzando no seu camiño Castela-León, Madrid e Castela-A Mancha. Nesa franxa de tan só 200 Km de ancho a eclipse poderáse ver coma anular, mentres que no resto da península ibérica e nas illas Canarias veráse coma unha eclipse parcial. Con seguridade, serán millóns de persoas as que disfrutarán deste fenómeno en toda a península ibérica.

Tal e como se explicou na Circular Nº4 de Agosto de 1999, referida á eclipse de Sol do 11 de Agosto dese ano, para que se produza unha eclipse de Sol téñense que dar unhas circunstancias moi especiáis que fan que estes fenómenos se produzan con moita rareza. Unha eclipse de Sol prodúcese cando a Lúa, na súa órbita en torno á Terra, pasa por diante do Sol ocultando un anaco ou todo o seu disco. No primeiro caso, cando só é unha porción do disco solar a que vemos desaparecer, diremos que se produce unha eclipse parcial de Sol. No segundo caso, se a Lúa oculta o disco solar por completo diremos que a eclipse de Sol é total. O baixo número de eclipses que se producen é debido a que a órbita da Lúa en torno á Terra non está contida no plano orbital da Terra en torno ó Sol (plano da eclíptica). Se ambos planos coincidiran disfrutaríamos dunha eclipse de Sol e outra de Lúa cada vez que a Lúa dera unha volta en torno ó noso planeta, é dicir, cada Lúa nova habería unha eclipse de Sol, e cada Lúa chea habería unha eclipse de Lúa. Pero, como o plano da órbita luar está inclinado uns 5º con respecto ó plano da eclíptica, a Lúa, vista dende a superficie terrestre, pasa unhas veces por enriba e outras por debaixo do Sol, sen que se produzan eclipses.

Afortunadamente, o plano orbital da Lúa non se mantén inmóvil no espacio senón que cabecea lentamente, polo que a liña de intersección deste plano orbital co plano da eclíptica, que se chama liña dos nodos, experimenta un movemento de precesión e periodicamente apunta cara o Sol. Cando nese intre se da a circunstancia de que a Lúa pasa preto dun dos seus nodos, que son os puntos nos que a órbita luar atravesa a eclíptica, entón prodúcese unha eclipse de Sol,

Vistos dende a o noso planeta, tanto a Lúa como o Sol teñen un tamaño moi similar, aínda que non exactamente igual. Como a Lúa percorre unha órbita lixeiramente elíptica coa Terra situada nun dos seus focos, unhas veces estará un pouco máis lonxe e outras un pouco máis preto de nós. Polo tanto, o seu tamaño aparente varía algo dependendo do punto da órbita no que se atope. Algúnhas eclipses totáis prodúcense cando a Lúa está máis preto de nos, no perixeo da órbita, polo que o seu tamaño aparente será algo maior que o do Sol e a ocultación deste será completa e prodúcese unha eclipse total. Pero se a eclipse se produce cando a Lúa está preto do punto máis lonxano ou apoxeo veráse cun menor tamaño aparente e non será capaz de ocultar totalmente o disco solar, polo que o Sol rodeará a Lúa polo exterior do seu borde, producíndose entón unha eclipse anular de Sol. Esta será a situación na que se producirá a eclipse anular do próximo día 3 de Outubro.

Descripción xeral da eclipse

Esta será a eclipse número 43 do Saros 134, que consta dunha serie de 71 eclipses. Lembremos que O Saros é o período de tempo que transcorre dende que se produce unha eclipse ata que se repite baixo as mesmas condicións, co Sol e coa Lúa nas mesmas posicións relativas. Durante o suceso o Sol estará situado en plena constelación de Virgo, a 3º ó SW de γ (gamma) Vir. Outros datos xeráis desta eclipse son os seguintes

  • Inicio ecl. parcial (penumbra) 07:35 TU
  • Inicio da eclipse anular 08:40 TU
  • Conxunción xeocéntrica 10:10 TU
  • Máxima eclipse 10:31 TU
  • Remate da eclipse anular 12:22 TU
  • Remate ecl. parcial (penumbra) 13:27 TU
  • Duración máxima da anularidade 4m31,6s
  • Anchura da sombra no máximo 162,2 Km
  • Altura do Sol no máximo 70º6
  • Magnitude da eclipse 0,95758

A magnitude da eclipse é a fracción máxima de diámetro solar ocultada pola Lúa. Non debe confundirse co escurecemento que é a porcentaxe de superficie de disco solar aparente ocultada pola Lúa e que se representa nos mapas como o da figura 1 que segue.


Mapa de visibilidade do eclipse
Figura 1: visibilidade da eclipse do 3 de Outubro sobre a superficie terrestre. Os números decimáis sobre as liñas azúis indican o escurecemento do disco solar. Adaptado da páxina web de eclipses da NASA.


Na figura 1 pódese observar o percorrido da franxa de anularidade e a visibilidade da fase parcial sobre a superficie terrestre. A antumbra toca a superficie nun punto no medio do Atlántico Norte ás 08:41 TU e entra na península ibérica por Galicia e o N de Portugal ás 08:51 TU. Tal como se ve na figura 2, Madrid está case na liña central da anularidade onde dura 4m11s e comeza ás 08:56 TU. A antumbra sáe ó Mediterráneo por enriba de Valencia e Alicante e entra en África por Alxeria, pasando por enriba da capital (09:05 TU) e logo atravesando Túnez e Libia polo centro destes países. Roza o N de Chad e entra en Sudán onde se produce o instante de máxima eclipse ás 10:31:42 TU nun punto no medio do deserto coas coordenadas 12°53'4N e 28°44'1E (figura 3). Nese punto a duración da eclipse é máxima e dura 4m31s. A anularidade continúa por enriba da fronteira entre Sudán e Etiopía e cruza o N de Kenia oscurecendo o lago Turkana (lago Rodolfo) ás 11:10 TU e entrando no océano Índico de seguido. A fin da eclipse anular prodúcese no centro do Índico ás 12:22 TU.

Franxa de anularidade na península
Figura 2: situación da franxa de anularidade na península ibérica e o N de África. Extraído da páxina web de eclipses da NASA.

Franxa de anularidade en África
Figura 3: situación da franxa de anularidade en África. Extraído da páxina web de eclipses da NASA.


A eclipse será visible como parcial en diverso grado no S de Groenlandia, en toda Europa ata os montes Urales, en África, excepto un pequeno anaco ó S de Namibia e Suráfrica, en Oriente Medio e en toda a India e Sri Lanka onde se verá pouco antes do solpor. Pódense obter máis datos nas referencias indicadas ó final da circular, incluidos os parámetros matemáticos dos cálculos e información sobre a visibilidade da eclipse noutros países do mundo.

A eclipse na península ibérica

Esta eclipse será visible coma anular dende as poboacións dentro da franxa de anularidade e como parcial dende o resto da península ibérica e Canarias, como se indica na figura 4. En todos os puntos da península onde se observe como parcial o escurecemento (porcentaxe de superficie solar ocultada) será superior ó 80% (0,80). Na franxa de anularidade o escurecemento oscilará entre 0,92 e 0,96 dependendo da maior proximidade á liña central. Lémbrese que ó ser unha eclipse anular o escurecemento non vai a ser nunca do 100% na franxa de anularidade debido a que o limbo solar nunca vai a estar totalmente ocultado pola Lúa e sempre veremos algún anaco do Sol. Nas illas Canarias o escurecemento será lixeiramente superior a 0,4. A continuación indícase como se verá a eclipse durante a ocultación máxima do disco solar dende diferentes localidades da península e das illas Canarias.

[imaxes cidades]

Na práctica, diferencias no escurecemento de ata un 5% son practicamente inapreciables a menos que se fagan medidas precisas ou se comparen fotografías.


Percorrido detallado antumbra na peninsula
Figura 4: percorrido detallado da antumbra pola península ibérica. As elipses debuxadas dentro da franxa de anularidade indican a forma da antumbra sobre a superficie terrestre en certos instantes determinados. Adaptado da páxina web de eclipses da NASA.


As seguintes capitáis de provincia están situadas dentro da franxa de anularidade: Alacante, Albacete, Ávila, Cuenca, Guadalaxara, Madrid, Ourense, Pontevedra, Salamanca, Segovia, Toledo, Valencia, Valladolid e Zamora. Na táboa 1 que segue a continuación indícanse os tempos dos contactos do borde luar co borde solar para estas capitáis de provincia e algunhas outras cidades españolas. Para aquelas que disfruten dunha eclipse anular produciránse os 4 contactos que se indican mentres que para aquelas que disfruten dunha eclipse parcial só se producirán os contactos 1º e 4º. Táboa 1

Táboa 1
A eclipse nalgunhas capitáis de provincia españolas
Cidade 1º cont. 2º cont. 3º cont 4º cont
Alacante 07:42:04 09:00:34 09:03:26 10:30:01
Albacete 07:41:12
08:58:52
09:01:41 10:27:23
As Palmas GC 07:44:52 - - 10:06:08
Ávila 07:39:42 08:54:57 08:58:55 10:22:02
Barcelona 07:43:46 - - 10:30:36
Bilbao 07:41:02 - - 10:22:21
Cáceres 07:38:52 - - 10:20:16
Cuenca 07:41:00 08:57:37 09:01:36 10:26:04
Guadalaxara 07:40:28 08:56:31 09:00:19 10:24:10
León 07:39:30 - - 10:19:32
Madrid 07:40:11 08:55:55 09:00:02 10:23:37
Málaga 07:40:19 - - 10:24:59
Murcia 07:41:39 - - 10:29:15
Ourense 07:38:33 08:51:57 08:55:55 10:16:54
Oviedo 07:39:36 - - 10:18:43
P. de Mallorca 07:43:57 - - 10:33:18
Pontevedra 07:38:17 08:51:15 08:55:20 10:15:52
Salamanca 07:39:17 08:54:04 08:57:56 10:20:32
S. C. Tenerife 07:43:54 - - 10:01:53
Santander 07:40:38 - - 10:21:07
Segovia 07:40:00 08:55:28 08:59:23 10:22:37
Sevilla 07:39:25 - - 10:22:03
Toledo 07:40:00 08:56:33 08:59:01 10:23:32
Valencia 07:42:02 08:59:52 09:03:27 10:29:09
Valladolid 07:39:48 08:55:27 08:58:01 10:21:20
Zamora 07:39:18 08:53:48 08:57:50 10:20:04
Zaragoza 07:41:47 - - 10:26:17
Horarios en Tempo Universal, engadir 2 horas para a hora española.

Resumindo, podemos dicir que a antumbra entrará na península dende o Atlántico polo NW (ver seguinte sección adicada a Galicia) cruzando Galicia e o N de Portugal e ocultando alí algunhas vilas tan importantes coma Viana do Castelo, Braga, Guimaraes ou Bragança. En Castela-León ocultará capitáis importantes coma Zamora, Salamanca, Valladolid e Segovia e a liña central pasará rozando Madrid polo N. As provincias ó N de Castela-A Mancha serán os seguintes pasos camiño do Mediterráneo, a onde sairá escurecendo Valencia e Alicante. Pola diferencia de horarios, vése que a antumbra tarda pouco menos de 4 minutos (3m54s) en cruzar toda a península ibérica entre cabo Fisterra e Alacante. Na illa de Ibiza disfrutarán dunha corta visión da anularidade antes de que a antumbra chegue ás cidades da costa N de Alxeria. Polo límite N quedan fora da franxa de anularidade capitáis como A Coruña, Lugo, León, Palencia, Soria, Teruel e Castellón, así como todas aquelas cidades situadas ó N destas. Polo límite S a antumbra esquivará as cidades de Oporto, Viseu, Guarda, Plasencia, Ciudad Real e Murcia e todas aquelas cidades situadas ó S destas, onde a eclipse se verá parcial.


Mapa da eclipse en Galicia
Figura 5: a franxa de anularidade polo NW da península ibérica.


A eclipse en Galicia


Como se fixo notar no apartado anterior, e desbotando factores meteorolóxicos, Galicia vai a estar entre as zonas da península mellor situadas para a observación da eclipse debido a que todo o SW galego está directamente situado na franxa de anularidade. De feito a liña central da eclipse pasa case por enriba de cidades coma Ribeira ou Marín e cruza o S das provincias de Pontevedra e Ourense. O único inconvinte de observar dende Galicia pode ser de tipo meteorolóxico polo que recomendamos consultar os partes dos días previos por se é necesario desprazarse. As horas dos contactos para as catro capitáis de provincia galegas e para outras cidades e vilas da franxa de anularidade son as da táboa 2. Non é preciso dar os tempos para outras poboacións galegas xa que, como máximo, diferirán nalgúns segundos dos da cidade máis próxima na táboa. De feito, a diferencia de tempos entre o comezo da eclipse en Fisterra e no Barco de Valdeorras é de tan só 46 segundos, que é o tempo que lle leva á antumbra cruzar Galicia.

Táboa 2

A eclipse nalgunhas vilas galegas

Cidade

1º cont.

2º cont.

3º cont

4º cont

A Coruña

07:38:32

-

-

10:15:37

Fisterra

07:38:10

08:50:52

08:54:44

10:14:55

Lugo

07:38:46

-

-

10:16:50

Monforte

07:38:42

08:52:24

08:55:52

10:17:07

O Barco

07:38:56

08:53:07

08:56:11

10:17:57

Ourense

07:38:33

08:51:57

08:55:55

10:16:54

Pontevedra

07:38:17

08:51:15

08:55:20

10:15:52

Santiago

07:38:25

08:51:40

08:55:03

10:15:46

Verín

07:38:39

08:52:16

08:56:21

10:17:38

Vigo

07:38:13

08:51:14

08:55:14

10:15:52

Horarios en Tempo Universal, engadir 2 horas para a hora española.


Como se observa na figura 5, a antumbra entrará en Galicia por cabo Fisterra ocultando en primeiro lugar as vilas da Costa da Morte e as rías de Muros e de Arousa. A liña central entrará por esta última lixeiramente ó S de Ribeira, cruzando a ría e tocando terra pola península de O Grove. Cruza a comarca do Salnés e pasa por enriba de Marín camiño de Arcade, A Cañiza, e Xinzo de Limia. Sairá de Galicia pola vertical de Verín para entrar en Portugal en dirección a Bragança. O límite N da franxa de anularidade é unha liña que pasa pola vertical de Caión, Carral, Abegondo, Cesuras, Friol, Láncara e Pedrafita do Cebreiro. Por enriba desa liña observaráse unha eclipse parcial, aínda que nunha fase moi grande. Como vemos, capitáis tan importantes como A Coruña e Lugo perden a eclipse anular por moi poucos quilómetros, observando algo similar á terceira ou cuarta simulacións da 2º páxina.

Previsións meteorolóxicas

Non é posible facer unha previsión meteorolóxica fiable a tan longo prazo para o día 3 de Outubro, polo que a medida que se achegue o día da eclipse deberemos seguir os partes meteorolóxicos do Instituto Nacional de Meteoroloxía e de Meteogalicia, por se convén desprazarse a outro punto da península onde non haxa nubosidade. De todos xeitos podemos indicar certas tendencias baseadas nos datos estatísticos de anos anteriores que nos permitan facernos unha idea do que pode suceder. Na figura 6 indícase a probabilidade de formación de nubosidade para o mes de Outubro baseada nun promedio de 18 anos. Dado que estamos a falar de comezos do Outono, as perspectivas máis desfavorables corresponden á rexión N e NW da península (Galicia e o Cantábrico) debido ás masas de aire húmido que entran dende o océano e que provocan a formación de nubes. A probabilidade de que o día estea anubado é dun 55 a 60% na zona N de Galicia e algo menor nas provincias de Pontevedra e Ourense. Esta nubosidade redúcese en promedio a medida que nos adentramos na península polo que podemos dicir que a probabilidade de que o ceo esté despexado aumenta de W a E e de N a S. Na costa mediterránea a taxa de días nublados é dun 40% en Outubro. Sen embargo algúns anos esta tendencia invírtese e e a nubosidade é máis alta na rexión de Levante debido ás coñecidas "gotas frías" que producen ceos cubertos e chuvias torrenciáis nas rexións mediterráneas.


Mapa de nubosidade na península
Figura 6: probabilidade de nubosidade na península ibérica durante o mes de Outubro baseada nun promedio de 18 anos.
 

Para aumentar as posibilidades de observar a eclipse recomendamos a todos aqueles que teñan a oportunidade que preparen unha viaxe a algunha localidade alternativa na franxa de anularidade en previsión de que nos días anteriores as prediccións meteorolóxicas indiquen nubosidade en Galicia para o día da eclipse. A viaxe poderíase facer o día anterior para estar no lugar de observación escollido con tempo para descansar e montar os equipos e o regreso poderíase facer na tarde do día 3 de Outubro. No clube Vega estamos valorando a posibilidade de organizar un grupo de observación que se desprace se as condicións o aconsellan.

Observación

O Sol é unha intensa fonte de enerxía luminosa, principalmente na rexión do espectro electromagnético que vai entre o infravermello (IR) e o ultravioleta (UV) pasando polo visible. Deste xeito, se ollamos para él sen a debidas proteccións, poden producirse lesións nos ollos do observador que, nun caso extremo pero perfectamente posible, poden acarrear unha cegueira permanente.

Para evitar disgustos debemos seguir unhas normas básicas de seguridade que, ademáis, permitiránnos disfrutar deste maravilloso espectáculo con máis comodidade. Estas normas observaránse EN TODO MOMENTO e sempre que se vaia a observar a eclipse, tanto na súa fase parcial coma na súa fase anular. O feito de que na franxa de anularidade o Sol estea ocultado pola Lúa en máis dun 90% non disminúe o risco de lesións oculares xa que unha cantidade tan pequena como o 1% da superficie solar é bastante para producir tales lesións. 

Como regra xeral, ¡NUNCA! se debe observar o Sol ollandoo directamente, nen a simple vista nen a través de ningún instrumento óptico, ben sexan uns prismáticos, un telescopio, un anteollo, etc... Nin sequera se debe ollar polo visor dunha cámara fotográfica enfocada ó Sol. Todo o mundo coñece cal é o resultado de situar un papel detrás dunha lupa: a luz focalizada fai que se inflame en cuestión de segundos. Este mesmo efecto é o que se produce cando un instrumento óptico se dirixe cara o Sol, co agravante de que na meirande parte dos casos, o poder de concentración de luz deses aparellos é moito maior e, por tanto, a queimadura pode producirse de xeito instantáneo. Unha lupa pode ter 3 ou 4 aumentos, pero uns prismáticos vulgares xa teñen 7 e un telescopio pode oscilar entre 10 e 200 dependendo do ocular. Logo o resultado é o de poñer unha lupa de extraordinaria potencia diante do ollo. O risco aumenta se consideramos que na retina non temos sensación de dor polo que, de producirse unha lesión, só nos daríamos conta minutos ou horas dispois de producirse. 

Se imos a observar a eclipse acompañados de cativos convén aconsellalos con antelación sobre qué poden e qué non poden facer. Dispois, mentres dure o fenómeno, nunca se deben deixar sós e hai que telos baixo vixiancia permanente. A natural curiosidade infantil pode levar a que algún neno se pregunte "¿como se verá polos prismáticos de papá?". Sería unha catástrofe que, por unha falta de atención dos adultos esa pregunta tivera como resposta unha lesión irreversible nos ollos. 

Algunhas tendas de óptica, centros comerciáis, xogueterías e outros establecementos non especializados en Astronomía venden telescopios de gama baixa equipados cuns filtros solares para acoplar no ocular do telescopio (poñen SUN nun lado). Eses filtros non son seguros en absoluto e o mellor que se pode facer con eles é tiralos á basura sen miramentos. Cando se sitúa un deses filtros no ocular as lentes ou espellos do telescopio focalizan os raios solares sobre o filtro co que a intensidade luminosa que recibe é moi alta. Como consecuencia desto comeza a quentarse e este aumento de temperatura pode rachar o vidro co que está construido. Se nese intre alguén mira polo ocular, a luz solar aumentada e sen filtrar entrará no seu ollo subitamente. Os únicos filtros solares que ofrecen garantías son os filtros "de obxetivo" que se poñen por diante do telescopio ou prismáticos e atenúan a luz antes de que sexa concentrada polo sistema óptico. Estes filtros adoitan ser caros pero están construidos con materiáis moi ben comprobados e son moi seguros. Aínda así o seu uso non se recomenda máis que a observadores expertos, que coñezan as súas limitacións e a súa manipulación. 

Tamén está extendida a idea de utilizar como filtros visuáis diversos materiáis que escurecen a imaxe solar. Entre estes obxetos atópanse negativos fotográficos velados, vidros escurecidos con fume, gafas de sol, discos compactos (CDs), disquetes de ordenador, radiografías, etc? Nin que decir ten que estes materiáis tampouco son axeitados por que aínda que poden ofrecer unha protección relativa na rexión visible do espectro, permiten o paso de cantidades perigosas de radiación luminosa no infravermello e no ultravioleta. Ademáis, algúns deles, como por exemplo os vidros afumados, son de constitución fráxil e unha raiadura accidental pode levantar parte do material de barreira e permitir o paso de luz solar. Polo tanto non se deben usar estes obxetos para observar o Sol. O único material que se pode usar con relativa seguridade como filtro caseiro son os vidros de protección para soldadura, que se venden como recambios nalgunhas ferreterías e almacéns. Estes vidros están clasificados cun índice de protección que vai entre o Nº8 e o Nº15. Para observar a eclipse coa protección axeitada deberemos usar aqueles que sexan do Nº14 ou superior. O precio destes vidros oscila de 2 a 4¤ pero pode darse o caso de que os filtros do Nº14 haxa que pedilos con antelación. Non recomendamos este sistema se hai cativos observando porque usar un filtro con rapaces sempre é perigoso. Ademáis, poden sentirse tentados de comparar a imaxe que proporciona o vidro coa imaxe real do Sol e miralo sen protección. Claro que éste é un risco que corremos con eles sexa cal sexa o método de observación. 

Entón, ¿cómo observar con seguridade a eclipse?. O mellor xeito e, ademáis, o máis seguro é utilizar o método da proxección. Consiste en perforar cunha agulla un pequeno burato nunha cartulina opaca fina e, situándose de costas ó Sol, proxectar a imaxe que pasa polo burato sobre outra cartulina branca, unha pantalla ou unha parede. Esta pantalla ou parede dispersará unha fracción moi pequena da luz que pasa polo burato e poderemos ver a imaxe solar sen risco algún. A luz do Sol debe incidir sobre o burato de xeito aproximadamente perpendicular e a pantalla debe situarse paralela e a uns palmos de distancia por detrás. Dependendo do tamaño do burato teremos que colocar a segunda pantalla a maior ou menor distancia e a imaxe solar veráse máis ou menos luminosa e borrosa. Podemos experimentar con buratos de diversos tamaños ata atopar o axeitado.

Observacion por proxeccion
Figura 7: xeito de facer a proxección por ocular para observar unha eclipse de Sol.

A proxección tamén se pode facer a través duns prismáticos ou telescopio, tal e como se ve na figura 7. Nese caso diríxese o instrumento ó Sol ¡SEN MIRAR A TRAVÉS DEL!, e sitúase por detrás unha pantalla sobre a que se proxecta a imaxe de xeito exactamente igual que antes. ¿Cómo podemos apuntar ó Sol sen mirar polo ocular? Esto acádase por tanteo mirando que a sombra que proxecta o telescopio sobre a pantalla teña a menor superficie posible, e movendo o telescopio ata que vexamos a imaxe solar na pantalla. Insistimos en que non se debe mirar nunca polo ocular, que só se usará para proxectar a imaxe, nin tampouco polo buscador, que deberá estar tapado ou, mellor aínda, desmontado do telescopio. Como o ocular comezará a quentarse pola enerxía luminosa que recibe, cada poucos minutos convén desviar o aparello do Sol ou tapar o seu obxetivo. De non facelo así o ocular danaráse e pode chegar a derretirse (coñecemos algún caso). Esto é indicativo da potencia enerxética do Sol e do perigo de observalo visualmente. 

O método da proxección ten a avantaxe de que varias persoas poden observar simultaneamente a imaxe solar, e así poden comentar a experiencia. Incluso se pode calcar cun lápis a silueta do Sol sobre a pantalla e ver como a Lúa o vai ocultando anaco a anaco. Sobre cada silueta pódese anotar a hora e ese documento servirá como recordo para o futuro. 

Para obter fotografías do fenómeno recomendamos seguir os consellos da circular Nº 5 adicada á fotografía de eclipses de Sol, editada con motivo da eclipse de Sol de Agosto de 1999. Outra opción pode ser gravar a eclipse cunha cámara de vídeo ou cunha webcam. Nese caso deberemos cubrir o obxetivo cun filtro solar de mylar ou similar para atenuar a luz e protexer o sensor electrónico que rexistra a imaxe. A videocámara debe situarse nun trípode fotográfico ou podemos montala en paralelo sobre un telescopio con montura ecuatorial, de xeito que o movemento de seguimento da montura permita que o Sol quede sempre centrado na imaxe. Se temos un telescopio tamén se pode acoplar a videocámara ó ocular gravando a imaxe que se ve por él para o que podemos usar algún soporte ou trípode para mantela estable. Non nos imos a extender aquí sobre as técnicas de imaxe de eclipses solares. Sobre este tema existen numerosas fontes bibliográficas e en Internet, algunhas das cales se indican de seguido. Sobre todo recomendamos probar con algún tempo de antelación antes do fenómeno. 

Dende Galicia, a eclipse comezará co Sol a unha altura de tan só 11º sobre o horizonte E polo que convén escoller un lugar de observación sen obstruccións (árbores, edificios ou montes) nesa dirección. Recomendamos situarse nun lugar elevado como a azotea dun edificio alto ou a cima dun monte, a onde deberemos chegar con tempo suficiente para montar o instrumental, telescopios, cámaras, ou mesmo a silla da praia para estar cómodos. Lembremos que ese día moitos afeccionados e público se desprazarán na busca de lugares apropiados, polo que convén ser previsores e seleccionar o noso lugar nas semanas previas e chegar a él coa maior antelación posible. Ademáis, como é día laborable, a esa hora haberá moito tráfico nalgunhas estradas por ser hora punta e non é difícil coller algún atasco que nos retrase. Ese día o Sol sáe ás 6:33 TU (calculado para Santiago) polo que temos pouco máis dunha hora para facer algunhas probas co equipo e apuntar os telescopios ó Sol (¡¡CON FILTROS!!). Algunhas tarefas como a montaxe dos telescopios, a posta en estación, comprobación de filtros, instalación de cámaras, etc... pódense facer antes de que saia o Sol para aproveitar o tempo ó máximo.

LEMBRE:
  • Non olle ó Sol a través de prismáticos, cámaras fotográficas, telescopios etc... Os seus ollos lesionaránse de xeito irremediable e instantáneo. Tampouco olle a simple vista.
  • Non use cristáis afumados, películas fotográficas veladas, CD's nen outros filtros caseiros para observar o Sol. Se ten un filtro solar de ocular non o use porque son perigosos.
  • O xeito máis seguro de ver a eclipse é usando o método da proxección.
  • Vixie ós cativos continuamente e non permita que observen o Sol con instrumentos ópticos.
Máis información:

Santiago de Compostela, Mércoles 14 de Maio de 2008
Última modificación: 31/12/69 04:00